Friday 03 de May de 2024

Diego Calvo e Roberto Rey inauguran o centro sociocomunitario de Ponte Carreira


Supuxo un investimento de case 390.000 euros, dos que a Xunta achegou 232.000 euros

O centro abre as súas portas con actividades semanais (ximnasia, talleres de memoria, pintura e cociña, xogos de mesa, manualidades) e un programa especial con tardes de baile, actuacións musicais e obradoiros para persoas adultas e crianzas

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso, e o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, inauguraron esta mañá o centro sociocomunitario de Ponte Carreira (Frades), acompañados dun cento de veciños e veciñas do municipio. Un centro que é unha realidade grazas a un convenio de colaboración asinado polo Concello de Frades e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que achegou 200.000 euros en dúas anualidades. Unha aportación que se complementou cunha segunda achega de 32.000 euros para o mobiliario do centro por parte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Un acto ao que asistiron o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez; a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; concelleiros e concelleiras de Frades, así como os alcaldes de Ordes, José Luís Martínez; Mesía, Mariano Iglesias; e Trazo, Josefina Suárez.

Actividades diarias

O alcalde de Frades agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia na posta en marcha deste centro. “Un edificio ao que queremos darlle uso diario, que non estea parado. Vai estar atendido durante a semana por unha persoa polas mañás e, inicialmente, durante 3 tardes. Esa persoa organizará actividades para os maiores que se acheguen: obradoiros de memoria, talleres de cociña, ximnasia… O local conta con calefacción e aire acondicionado e as últimas modernidades, polo que pode ser ben aproveitado non só polos veciños e veciñas de Ponte Carreira, senón de todo o concello”, explicou Rey Martínez.

Así, o centro abrirá as súas portas o martes 11 de abril cun completo programa de actividades semanais para persoas maiores como: ximnasia, xogos de mesa, proxección de películas e obradoiros de memoria, cociña, pintura e manualidades. O seu horario será de luns a venres, agás festivos, de 10:00 a 13:00 horas, e os luns, mércores e venres, de 17:00 a 20:00 horas.

Actividades especiais

“A maiores teremos actividades puntuais e xa temos programación para os meses de abril e maio: baile para maiores, talleres de cociña para os nenos, talleres de manualidades… e actuacións da rede cultural da Xunta e da Deputación nas fins de semana”, adiantou o alcalde. Entre estas actividades figuran as Tardes de Baile, con música en directo: o domingo 23 de abril co Dúo Arcángel e o domingo 21 de maio coa cantante Aixa Romay, en ambos os dous casos en horario de 19:30 a 22:00 horas. Ademais, María da Pontragha porá en escena o seu espectáculo musical “Contar co vento” o domingo 14 de maio.

Paralelamente a estas actividades para persoas adultas, o Concello de Frades convocou ese mesmo día actividades para as crianzas (un chisco antes: entre as 17:00 e as 18:00 horas). Así a rapazada poderá desfrutar dun obradoiro de cociña (domingo 23 de abril), dunha tarde de contos e música (domingo 14 de maio) e dun taller de manualidades (domingo 21 de maio). A participación é totalmente de balde, só será preciso anotarse no propio centro sociocomunitario ata completar prazas.

Finalmente, Roberto Rey lembrou que “este proxecto comezou no 2019. Sabedes que tiñamos o terreo comprado para facer un centro de día pero nós non tiñamos peticións para asistir a un centro de día, pois só había 4 ou 5 persoas interesadas. A maioría quería axuda no fogar, que prestámoslla dende a Mancomunidade. Foi cando vimos que a Xunta era partidaria de que no rural se fixeran casas do maior e apostamos por esa modalidade. Agora xa temos dúas Casas do Maior en Frades e agardamos que se poida solicitar unha terceira para o ano”.

Dotación do edificio

O centro consta de 2 salas multiúsos, 2 despachos e unha sala equipada con cociña, así como recepción cun pequeno almacén e aseos adaptados. As salas multiúsos están separadas por paneis móbiles, permitindo a súa unión para crear salas de maiores dimensións. Exteriormente, o edificio é un paralelepípedo, con revestimento mediante fachada ventilada en paneis composite de aluminio, en diferentes cores; diferenciando unha zona de acceso cun volume de maior altura e con fachada ventilada de pedra granítica. As distintas estancias están equipadas co mobiliario necesario para a súa utilización.

A súa construción supuxo un investimento de 389.956,80 euros. Conta cunha superficie construída de 257,42 metros cadrados e unha superficie útil de 211,42 m2. A obra foi executada pola empresa JSTOP Obras e Servizos SL.

Pola súa banda, Diego Calvo interesouse pola dotación ao edificio dos elementos precisos para o desenvolvemento das actividades previstas, de tipo lúdico, social e formativo. Segundo puido comprobar, adquiriuse todo tipo de mobiliario e complementos para equipar a área de recepción, as salas de uso múltiple, a cociña, o almacén e os despachos. A achega da Xunta ao equipamento foi de 32.000 euros, o que representa o 80% do gasto total de 39.356 euros.

Así mesmo, para a construción do centro, o Goberno galego, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, asinou un convenio co Concello de Frades polo que lle achegou 200.000 euros. O vicepresidente segundo destacou a funcionalidade e eficiencia da nova infraestrutura, xa que conta no interior con paneis móbiles que permiten dividir ou ampliar as salas de uso múltiple segundo as necesidades. Ademais, o seu exterior está revestido con fachada ventilada en paneis de aluminio nun dos seus volumes e de pedra granítica no de maior altura.

Segundo sinalou Diego Calvo, a iniciativa enmárcase no apoio do Goberno galego ás administracións locais en beneficio da mellora dos servizos e das infraestruturas municipais, en especial no caso dos concellos máis pequenos do rural galego. Trátase de medidas que responden á aposta da Xunta “a prol do principal activo de Galicia, as persoas, e en especial as que manteñen vivos os pequenos concellos do rural”, engadiu o vicepresidente segundo.

Investimento superior aos 775.000 € en Frades

Neste marco de acción, Diego Calvo referiuse ás distintas liñas de apoio impulsadas pola Xunta, como a orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros, e o Fondo de Compensación Ambiental, con máis de 11 millóns de euros. O conxunto de medidas de apoio ao eido local supuxeron un investimento en Frades superior aos 775.000 euros que permitiron actuacións como a mellora da accesibilidade no edificio multiúsos, a construción dun parque infantil cuberto na parroquia de Abellá ou o financiamento do servizo de protección do medio natural compartido con Ordes.

Segundo indicou, a estas convocatorias súmase este ano unha nova que se publicará en breve, destinada aos municipios de menos de 30.000 habitantes e cofinanciada con fondos FEDER. Conta cunha dotación de 7,8 millóns de euros en dúas anualidades, das que a Xunta achegará 3,1 millóns de euros, para financiar actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais tanto este 2023 como en 2024.